Wednesday 18 de September de 2024

O Pleno de Lousame aproba unha modificación de crédito de 100.000 euros para a achega de 2025 para a construción da EDAR e rede de saneamento de cinco núcleos de poboación


Aprobada unha modificación de 3.740 euros para unha nova bomba na piscina municipal

O Pleno do Concello de Lousame aprobou unha modificación de crédito de 100.000 euros con cargo ao remanente líquido de Tesourería para gastos xerais como parte da achega municipal de 2025 ao convenio asinado coa Xunta de Galicia para dotar de saneamento e depuración a cinco núcleos do municipio. Un convenio que supón un investimento de 1,1 millóns de euros e do que o Concello de Lousame ten que achegar 182.000 euros o vindeiro ano 2025.

“É un adianto da achega para a nova EDAR. Preferimos ser garantistas e previsores, reservando estes cartos para facer un proxecto moi importante para o noso municipio xa que suporá a construción dunha nova depuradora e garantir un sistema de saneamento e depuración eficiente aos veciños e veciñas de Devesa, A Silva, As Quintáns, A Costa e Cruído, así como ao CIP Cernadas de Castro e instalacións deportivas como o polideportivo, o campo de fútbol ou a piscina municipal”, explicou a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde.

A proposta saíu adiante cos votos a favor do Grupo de Goberno, as abstencións do PSOE e o voto en contra do Grupo Mixto. A voceira socialista, Ana María Domínguez, explicou que o seu grupo se abstería nas tres modificacións de crédito presentadas onte a Pleno ao entender que “son xestións necesarias pero tamén son decisións do Grupo de Goberno”.

Melloras na piscina

O Pleno municipal aprobou tamén outras dúas modificacións de crédito, na modalidade de transferencia de crédito entre partidas xa existentes. A primeira, por importe de 8.235 euros, contou co voto a favor do Grupo de Goberno e as abstencións de PSOE e Grupo Mixto. A segunda, por 3.740 euros, contou co voto a favor do Grupo de Goberno e do Grupo Mixto, e a abstención do BNG. “Esta modificación permitirá cambiar unha das dúas bombas da piscina municipal”, apuntou Teresa Villaverde, “e é unha actuación urxente porque estamos funcionando cunha única bomba e iso supón un desgaste moi importante para a maquinaria”.

Grupo de Goberno e Grupo Mixto aprobaron tamén unha modificación na ordenanza fiscal reguladora da taxa do Punto de Atención á Infancia, con motivo da gratuidade deste servizo para as familias. O PSOE mantivo tamén neste punto a súa abstención. Finalmente, o Concello deu conta co período medio de pago do segundo trimestre de 2024, que se situou en 36,44 días.